Revista Punto

2018-08-21T10:05:53+00:00 Opinión

A boa saúde dos nosos tempos

Ao fondo á dereita
Román Aday
Román Aday7 Agosto, 2018
A boa saúde dos nosos tempos
Ao fondo á dereita

Un claro síntoma da boa saúde destes tempos é que non fai falta ter razón para poder berrar un ben a gusto. Iso de pensar con tranquilidade e de reunir argumentos dabondo pasou a un segundo plano. É cousa de antigos, de vellos. Agora o interesante é o que tes que dicir. E que todos cho aturen, nada de queixas. Nin te informes, ti di que o mundo é así ou é asá e plantea solucións para cámbialo coma se foses un experto a nivel mundial na materia. E se alguén che manda calar ti dislle que iso é o que facían os nazis. E punto. Quedas que nin diola.

Fronte a esta situación haberá algúns que se boten as mans á cabeza e que choren pola concordia e o respecto intelectual que acadamos aquí en Occidente e que estamos a perder. “¡Se Platón vise isto!” dirán. Tamén era cero que Platón era un escravista e un pedófilo, coma case todo-los filósofos gregos. Pero iso non ven a conto. Non home non. Non sexas parvo. Ti só cita á xente que che poida servir, e da maneira en que, efectivamente, che sirvan. Aquí non estamos para xulgar aos pobres gregos xa mortos, a ver que vai ser isto.

Supoño que, o problema para algún, é que agora todo o mundo pode opinar. Mulleres, negros, musulmáns, indúes e ignorantes. O máis paleto dos paletos pode ter agora o Prime Time da Galega baixo o amparo da Xunta sen que ninguén o impida. E (ollo) porque xa é así. Explícome: a cousa é que sempre haberá alguén que che considere o máis paleto dos paletos. Polo tanto, todo vai a estar sempre cheíño de idiotas. Van desbordar esta vida nosa. Se o pensas ben o de imbécil é un posto que todos podemos exercer con notable éxito.

Este non deixa de ser un problema que destapa Internet. O do odio, digo. A rede acercou demasiado á xente, aos opostos. Brindoulle inimigos a todo o mundo. Podes odiar ás feministas, aos roxos, os veganos, os neoliberais, os mormós ou aos científicos. Aínda que non te fixeran nunca nada. Aínda que nunca viras a ningún deles cara a cara. O mesmo da. Ti bucea durante horas na rede que non tardarás en atopar algún colectivo que, nalgunha parte do mundo, fixera algo que non che gusta. E iso xa é grave dabondo coma para que os odies a todos eles. Opinións gratis e odios gratis. Iso é o que trouxo Internet.

Eu mantereime ao marxe, escondéndome entre as sombras. Comerei do lixo, levarei a roupa que a xente se deixa pola rúa e sairei cando todos estean calados e durmindo. A estratexia é parecer un tolo, que non me teñan en conta, que non me tomen en serio. Só así sobrevivirei a estes bos tempos. E se alguén sospeita tomarei o camiño fácil. Direi que iso de sospeitar era o mesmo que facían os nazis. Creo que é o único argumento que nos queda para facer que alguén cale a boca.

Compartir artigo