Revista Punto

2018-09-05T19:28:32+00:00 Cinema, Cultura, Radar

11º FIC Bueu

Martín Pais
Martín Pais4 Setembro, 2018
11º FIC Bueu

Todo o bo chega en doses pequenas. Ou a lo menos iso é o que pensaron en Bueu cando se puxeron a organizar o FIC Bueu-Festival Internacional de Curtametraxes. Comezaron a facelo alá polo 2008, e xa van pola undécima edición. Entre o 7 e o 15 de setembro, o Centro Social do Mar de Bueu (Pontevedra) acollerá un cento de proxeccións. Ademais, as persoas que ata alí se acheguen poderán gozar de múltiples actividades paralelas, como concertos de The Alley Stompers, Xoel López ou De Vacas, encontros e coloquios, monólogos, entre os que destaca o de Carlos Blanco, e outras tantas actividades.

Quen saiba o complicadas que están as cousas no audiovisual, sabe o que custa facerse un oco dentro do panorama, xa non internacional, senón nacional. Este festival nace, principalmente, para visibilizar contido de gran calidade a unha ampla sección de  público obxectivo.

O xurado do festival estará composto por profesionais do ámbito cinematográfico chegados de diversos currunchos do mundo e con experiencia nin máis nin menos que na Berlinale. O director arxentino Alejo Franzetti, a xornalista neocelandesa Carmen Gray e o crítico Manu Yáñez acudirán ao Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu para avaliar as obras da sección principal. O xurado que seleccionará as mellores curtas galega e española está composto por Mónica Caamaño, Antonio Durán ‘Morris’ e Jorge Coira.

As principais protagonistas, as curtametraxes, son de orixe diversa. Ao igual que en pasadas edicións, os asistentes poderán ver pezas de autoría danesa, británica, francesa, canadense, rusa ou polaca. Pero tamén de autoría nacional e, por suposto, galega e local. Unha das novidades que presenta este Festival Internacional de Curtametraxes é que permite concorrer a todos os centros de ensino e escolas de formación audiovisual con sede na comunidade galega, algo que o desmarca de outros con mesmo estilo e dirixido a unha base de público moi semellante. Tamén haberá premios, entre outros, para a mellor curtametraxe galega, española, internacional, mellor curtametraxe de ensino secundario, mellor curtametraxe de educación especial, infantil e primaria, mellor guión, mellor actriz, mellor actor, mellor fotografía, mellor vestiario ou mellor son. Os premios de honra serán nesta ocasión para a actriz Mabel Rivera, o director Rodrigo Cortés e o cineasta e guionista Juho Kousmanen.

Así que, xa sabedes, entre o 7 e o 15 de setembro, tedes unha cita coas mellores curtametraxes en Bueu. Non vos vai defraudar!

Compartir artigo